Tuesday 07 de May de 2024

A Festa de Disfraces dos nenos e nenas da gardería municipal abre as celebracións do Entroido en Brión


 

Mañá venres continuarán co IX Concerto de Entroido da Escola Municipal de Música Magariños, ás 18:00 horas no polivalente

Máis dun cento de veciños e veciñas desfrutaron esta mañá da tradicional festa de Entroido dos meniños e meniñas da gardería municipal de Brión, que desfilaron en dúas quendas: primeiro os menores de 2 anos e acto seguido os “maiores”, de 2 a 3 anos. Uns desfiles aos que asistiu o alcalde de Brión, José Luís García.

Todos os pequenos e pequenas desfilaron con traxes feitos con materiais reciclables e que foron elaborados durante a pasada semana por eles mesmos coa axuda dos seus mestres e a colaboración dalgúns pais e nais. Cada grupo fixo o seu desfile diante dos seus pais, nais, avós… dando sempre un par de voltas. Despois, a festa rematou cun gran baile de Entroido no que participaron tanto os pequenos como os maiores.

Programa de Entroido

Este desfile da gardería municipal abre o programa de festexos de Entroido en Brión. Mañá venres 1 de marzo, ás 18:00 horas, o alumnado da Escola Municipal de Música Magariños ofrecerá o seu tradicional Concerto de Entroido, que este ano chega á súa novena edición. Será no centro social polivalente, con entrada libre e de balde.

Para o próximo domingo 10 de marzo queda o gran Concurso de Disfraces de Entroido do Concello de Brión que repartirá 2.750 euros en premios e que, un ano máis, será o encargado de pechar as celebracións na contorna. As inscricións estarán abertas ata o próximo 7 de marzo na Casa da Cultura de Brión ou no teléfono 981 509 908. Non se aceptarán anotacións o mesmo día do concurso. O concurso estará amenizado pola charanga Os Celtas de Negreira mentres que, ao remate do certame, terá lugar un Baile de Disfraces coa orquestra Gran Parada.